Convocatoria 2016

Premiado: Ovica 

A Asociación de Ovino y Caprino de Galicia, Ovica, foi creada en 1994 por 13 produtores de gando ovino e cabrún para a defensa dos intereses dos seus socios no conxunto de Galicia. Na actualidade conta con 174 socios, o seu volume produtivo é superior ás 27.000 cabezas e entre os seus obxectivos figuran a estruturación e o desenvolvemento do sector a través de entidades asociativas que afiancen a sanidade e o apoio técnico, a posta en común de solicitudes de axudas e a promoción e comercialización dos seus produtos.

O xurado tivo en conta para facer a Ovica merecedora deste premio a súa especial contribución para xerar riqueza nos ámbitos agrícola e gandeiro, facer posible a sustentabilidade desta actividade na nosa contorna e crear a marca de garantía colectiva Pastores de Galicia.

Outro dos aspectos foi o acerto desta asociación ao implicarse co Campus Terra na investigación e o desenvolvemento da súa actividade.