O XVII Premio Aresa para Ovica
20/12/2016

O Premio Aresa de Desenvolvemento Rural que convocan a Universidade de Santiago de Compostela e o Grupo Aresa xa ten gañador. Trátase de Ovica, a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia que ten como obxectivo a estruturación e o desenvolvemento deste sector a través de entidades asociativas que afianzan a sanidade e o apoio técnico.

 

O xurado, integrado polo reitor da USC, Juan Viaño Rey; o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema; o vicerreitor de Innovación e Transferencia do Campus de Excelencia de Córdoba, Enrique Quesada Morada; o conselleiro delegado de Calfensa, José Ramón Panete Fernández, e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, reuniuse esta mañá para avaliar as quince candidaturas presentadas e deu a coñecer o nome do galardoado nunha conferencia de prensa celebrada no vicerreitorado lucense.

 

Finalmente foi Ovica, a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia, a vencedora desta décimo sétima edición do Premio Aresa. Seguindo as bases do concurso, os membros do xurado prestaron especial atención a aqueles proxectos que fosen viables economicamente, que xerasen postos de traballo no rural, que puxesen en valor os produtos da terra, que recuperasen subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais con potencial para desenvolverse e que buscasen innovar en produtos e métodos produtivos.

 

Ovica foi creada en 1994 por 13 produtores de gando ovino e caprino para a defensa dos seus intereses no conxunto de Galicia. Na actualidade conta con 174 socios e entre os seus obxectivos figuran a estruturación e o desenvolvemento do sector ovino e caprino a través de entidades asociativas que afiancen a sanidade e o apoio técnico, a posta en común de solicitudes de axudas e a promoción e comercialización dos seus produtos.

 

Na actualidade, a asociación ten unha implantación maioritaria nas provincias de Lugo e Ourense e o seu volume produtivo é superior ás 27.000 cabezas de gando. A súa estrutura está formada por un equipo de enxeñeiros técnicos agrícolas e agrónomos, un equipo veterinario externo e cuadrillas de trasquiladores. Os seus asociados teñen un promedio de 156 cabezas e unha produción superior nun 25 % á media autonómica.

 

As cualidades que fixeron decantarse aos membros do xurado por esta candidatura foron, fundamentalmente, o gran labor de Ovica á hora de loitar contra o despoboamento do rural, o feito de que permite o aproveitamento de recursos naturais ao axudar á conservación de espazos naturais e que garante a produción de carne de ovino e de caprino de calidade.

 

O xurado fixo fincapé nalgunhas das iniciativas máis salientables levadas a cabo por Ovica, tales como a creación dunha agrupación de xestión de explotacións en 2001, de dúas asociacións de defensa sanitaria gandeira e dunha cooperativa en 2003, dunha agrupación de defensa vexetal en 2004 e da marca de garantía colectiva Pastores de Galicia en 2015.

 

Tamén se tiveron moi en conta os obxectivos e a inserción desta asociación no contexto gandeiro e forestal da rexión: “O xurado valorou especialmente a actividade sostida de Ovica nun entorno de especial significado para Galicia, nun sector difícil como é a cría e explotación do gando ovino e caprino”, apuntou Viaño.

 

O presidente do Grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, quixo destacar que “o xurado do Premio Aresa valorou este ano a implicación de Ovica, o premiado, na investigación en colaboración con Universidade de Santiago de Compostela e, en concreto, co proxecto Campus Terra que se está desenvolvendo no vicerreitorado de Lugo”. Na actualidade, Ovica desenvolve en colaboración co Campus Terra actividades tales como proxectos de investigación, colaboracións en prácticas de empresa e xornadas formativas.

 

Ovica será dotado con 10.000 euros e recibirá o seu diploma e os honores correspondentes nunha gala que terá lugar o 3 de febreiro de 2017.

 

Os membros do xurado tamén quixeron destacar a calidade do outro finalista, a Cooperativa Agraria Provincial da Coruña co seu proxecto Bico de Xeado.

 

As demais candidaturas presentadas foron: Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega); o proxecto La Ciudad de la Leche; a Finca Villadangos; Biocoop S. Coop. de Carne de Producción Ecológica; o proxecto de deseño dunha planta de biogás para unha explotación gandeira media en Galicia; o Reino de Zoela S. Coop.; a creación e posta en funcionamento dunha industria de extracción e envasado de mel e os seus derivados no lugar de Prada, no concello da Veiga; cultivo de árnica montana subespecie atlántica; a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos; a plataforma E-Monte Solucións Forestais S.R.L.; Eucatool: aplicación na nube para estimar o crecemento e a produción de plantacións de eucalipto en Galicia; a explotación agropecuaria Castromil, e o traballo sobre caracterización aromática e fenólica de aceitunas e aceites de oliva producidos en Galicia.