Gala de entrega do XVIII Premio Aresa
08/02/2018

O vindeiro venres 16 de febreiro celebrarase na Facultade de Veterinaria de Lugo, a partir das 20.00 horas, o acto de entrega do XVIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural que nesta edición se lle concedeu á Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo.

Presidirán a cerimonia o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño, e o fundador de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, que estarán acompañados por persoeiros dos eidos político, económico, social e cultural.

A vencedora desta décimo oitava edición do Premio Aresa foi finalmente a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo. Seguindo as bases do concurso, os membros do xurado prestaron especial atención a aquelas candidaturas que xerasen postos de traballo de calidade no rural, que puxesen en valor os produtos da terra, que recuperasen subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais con potencial para desenvolverse e que buscasen innovar en produtos e métodos produtivos.

O veredicto final foi elixido por unanimidade por cumprir con todos estes requisitos e, ademais, pola longa traxectoria na formación de homes e mulleres que participaron cos seus coñecementos na mellora do mundo rural e polos proxectos de investigación que desenvolven nese mesmo senso.

A Escola Politécnica de Lugo será dotada con 10.000 euros e recibirá o seu diploma e os honores correspondentes nunha gala que terá lugar o vindeiro 16 de febreiro.

No transcurso do acto será José Rafael Marqués da Silva, profesor de Engenharia Rural da Universidade de Évora (Portugal), quen ofreza a conferencia “Manexando cultivos con imaxes satelitais”.