Entregado o V Premio Aresa Júnior de Desenvolvemento Rural
06/07/2018

 

O grupo de estudantes do proxecto “Crea o teu anuncio publicitario” do VI Campus de Verán XuvenCiencia de Lugo foi distinguido hoxe polo grupo Aresa entre un total de 28 candidaturas.

Esta tarde tivo lugar na Facultade de Veterinaria de Lugo, no transcurso da festa de clausura da edición de 2018 do XuvenCiencia, a entrega do Premio Aresa Júnior de Desenvolvemento Rural que concede por quinto ano consecutivo o grupo Aresa.

A convocatoria xuntou uns 150 participantes, rapazas e rapaces de toda Galicia estudantes de 4.º da ESO e de BAC que do 2 ao 6 de xullo, dentro do programa de actividades deste Campus de Verán, levaron a cabo diversos proxectos científicos baixo a dirección de profesores da Universidade de Santiago de Compostela.

O fallo dos membros do xurado converteu en gañadores do V Premio Aresa Júnior a Alicia Couso, Sergio Díaz, Uxía Fernández, Xoán García de Castro, Alicia Jiajun Lorenzo e Antonio Pardo.

O premio, consistente nun diploma honorífico e nuns auriculares inalámbricos, foilles entregado en man por Carlota López, adxunta á presidencia de Aresa.