A punto de finalizar o prazo para concorrer ao XIX Premio Aresa
16/10/2018

 

O prazo para a presentación de candidaturas á edición de 2018 do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, convocado pola Universidade de Santiago de Compostela e o Grupo Aresa, remata o vindeiro venres 26 de outubro. 

As bases están dispoñibles na web www.aresa-agricola.com e os aspirantes deben entregar a documentación correspondente nos rexistros xerais dos campus universitarios de Lugo (no Edificio dos Servizos Centrais) ou de Santiago de Compostela (no Colexio de San Xerome) antes das 14.00 h do venres 26 de outubro.

O Premio Aresa premia cada ano iniciativas e proxectos presentados por entidades, empresas, grupos de investigación, asociacións ou persoas individuais, que contribúan á mellora do benestar das persoas que viven e traballan no medio rural galego.

Está dotado con 10.000 euros e será un xurado especializado o que examinará todas as candidaturas e dará a coñecer publicamente o nome da gañadora nunha data aínda sen determinar, nalgún momento dos dous primeiros meses do próximo ano.