A EPSE participa no proxecto AHortas da Fundación Cáritas de Santiago grazas ao Premio Aresa
04/06/2019

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, coa financiación obtida grazas á concesión do XVIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, colabora no proxecto AHortas da Fundación Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela para a inserción laboral de persoas en risco de exclusión social.

 

A EPS de Enxeñaría de Lugo participa no proxecto AHortas: explotacións de horticultura ecolóxica, formación e inserción laboral liderado pola Fundación Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela (Cadisan), co reto de facilitar o acceso ao mercado de traballo como unha ferramenta fundamental para a inserción social.

Así o anunciaba esta mañá Tomás Cuesta, director da EPSE, acompañado por Jesús García, delegado episcopal de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela; Adolfo López, coordinador do Grao de Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, e por Carlota López, adxunta á dirección do Grupo Aresa.

AHortas é unha aposta por modelos sustentables de economía social e solidaria que, baseados no respecto polo medio ambiente, promoven a xustiza e o ben común e, polo tanto, son inclusivos para a maior parte da poboación. Un destes modelos é a agroecoloxía, por iso o apoio decidido do profesorado de Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e de Enxeñaría Forestal e do Medio Natural a este proxecto de Cáritas.

A EPS de Enxeñaría de Lugo, pertencente á Universidade de Santiago de Compostela, sensible a estas necesidades, participa na iniciativa cunha axuda económica grazas aos fondos conseguidos coa concesión do XVIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural. A súa achega servirá para a dotación de material ofimático e equipamento informático ao persoal responsable da formación e da produción e comercialización.

 

 

O PROXECTO

O seu obxectivo principal é capacitar os participantes na produción, transformación e comercialización de produtos agrarios ecolóxicos para facilitar a inserción laboral, ben mediante a creación de iniciativas emprendedoras ou ben mediante a empregabilidade en empresas xa existentes.

O proxecto AHortas, iniciado o 5 de novembro de 2018 cun período de retorno de cinco anos (2019-2023), prevé na súa primeira etapa a conversión do conxunto de parcelas, propiedade ou cedidas a Cáritas, próximas aos concellos de Ordes e Vilagarcía de Arousa, en explotacións de inserción laboral.

O perfil dos participantes responde, sobre todo, a mulleres residentes nestes concellos, menores de 40 anos e sen estudios superiores. Dos 15 alumnos que integran cada curso e que inician a formación contrátase por tres anos a aqueles que sexan necesarios para o mantemento das explotacións nas que participan. Ao final do curso todos os alumnos estarán en condicións de crear a súa propia explotación.

 

LIÑAS DE ACCIÓN

O piar social do proxecto consta de dous elementos: a formación e capacitación para persoas en risco de exclusión social durante oito meses e o traballo pola mellora da empregabilidade do persoal que  traballará nas explotacións que participan no mesmo.

 

Cóntase con seis liñas de acción:

1.            Formación. Fase 1: coñecementos do sector da Agricultura Ecolóxica. Fase 2: elaboración en equipo dun anteproxecto de explotación de Agricultura Ecolóxica.

2.            Inserción laboral na produción agroecolóxica mediante as explotacións participantes en AHortas.

3.            Inserción laboral en comercialización de verduras, hortalizas, plantas aromáticas, froitas e plantas ornamentais ecolóxicas.

4.            Acompañamento de iniciativas de autoemprego, individuais e grupais no sector agroecolóxico.

5.            Dirección técnica de profesionais con experiencia específica no manexo de explotacións agro-ecolóxicas e en formación.

6.       Fomento do consumo de produtos ecolóxicos en Galicia.