Entregado o VI Premio Aresa Júnior de Desenvolvemento Rural
05/07/2019

 

Os estudantes do proxecto “Crea o teu anuncio publicitario”, participantes no VII Campus de Verán XuvenCiencia de Lugo, foron distinguidos hoxe polo grupo Aresa entre un total de 26 candidaturas.

Esta tarde tivo lugar na Facultade de Veterinaria de Lugo, no transcurso da clausura da edición de 2019 do XuvenCiencia, a entrega do Premio Aresa Júnior de Desenvolvemento Rural que concede por sexto ano consecutivo o grupo Aresa.

A convocatoria xuntou uns 150 participantes, rapazas e rapaces de toda Galicia estudantes de 4.º da ESO e de BAC, que do 1 ao 5 de xullo, dentro do programa de actividades deste Campus Científico de Verán, levaron a cabo diversos proxectos científicos baixo a dirección de profesores da Universidade de Santiago de Compostela.

O fallo dos membros do xurado converteu en gañadores do VI Premio Aresa Júnior a David Naya (Lugo), Sergio Dacal (Santiago), Cristina Baliñas (Teo), Carmela Varela (Narón), Carla Fra (Burela) e Pedro Liste (Santiago). 

O premio, consistente nun diploma honorífico e nun regalo, foilles entregado en man por Carlota López, adxunta á presidencia de Aresa.