Aresa e a USC inician a edición 2019 do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural coa sinatura do convenio
30/07/2019

 

O presidente do grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, asinaron esta mañá o convenio de colaboración que dá comezo a edición do ano 2019 do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural. No acto, celebrado no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome en Santiago de Compostela, tamén estiveron presentes Montserrat Valcárcel Armesto, vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, e Carlota López Pardo, adxunta á presidencia de Aresa.

Esta firma é o inicio dunha nova convocatoria deste galardón co que Aresa e a USC premian cada ano diferentes iniciativas e proxectos presentados por empresas, grupos de investigación, asociacións ou calquera outro tipo de entidade que contribúa á mellora do benestar das persoas que viven e traballan no medio rural.

Os representantes de ambas entidades coincidiron ao subliñar “a necesidade de seguir apoiando este tipo de proxectos para a dinamización do rural” e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, ademais de agradecer o apoio recibido ano tras ano pola Universidade, resaltou “o propósito da empresa por prolongar este acordo por moito tempo”.

Pola súa banda, o reitor Antonio López amosou de parte da Universidade a satisfacción de ter apoiado dende o principio unha iniciativa como o Premio Aresa, que calificou como “un exemplo de conexión entre a Universidade e a empresa privada, relación cada vez máis demandada por toda a sociedade”. Ademais salientou  “o seu carácter aberto, pois acolle todo tipo de iniciativas dende o ámbito máis académico ata o máis real, o das empresas”.

Tras a sinatura protocolaria deste convenio, explicaron que na avaliación das candidaturas o xurado prestará especial atención aos proxectos que xeren valor engadido e emprego no rural galego, á súa viabilidade económica, á creación de postos de traballo, á posta en valor dos produtos da terra de tradición galega, á recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais e á innovación en produtos que teñan potencial de desenvolvemento.

A presentación de candidaturas pode realizarse xa dende hoxe mesmo ata o 25 de outubro nos rexistros da USC. 

PREMIADOS ANTERIORES  

Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o ex director xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016) e a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, EPS (2017). O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) resultou merecedor do premio na edición de 2018.